top of page

O currículo da educación primaria

O Decreto 105/2014 polo que se establece o currículo da educación primaria para a Comunidade Autónoma de Galicia desenvolve no noso ámbito a coñecida como Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).

 

O currículo é o conxunto dos elementos esenciais de calquera proxecto educativo e, desde o punto de vista legal, inclúe:

 

  • Os obxectivos

  • As competencias

  • Os contidos

  • Os criterios de avaliación

  • Os estándares de aprendizaxe

  • A metodoloxía

 

 

As competencias clave

O Decreto 105/2014 polo que se establece o currículo da educación primaria para a Comunidade Autónoma de Galicia recolle a Recomendación 2006/962/EC do Parlamento e do Consello Europeo sobre as competencias clave para a aprendizaxe permanente e por tanto inclúe a clasificación e a denominación destas sete competencias esenciais. Neste sentido o Decreto aplica ao noso marco competencial as directrices xa recollidas na propia LOMCE (Lei 8/2013) e, aínda que formuladas doutro xeito, na anterior LOE (Lei 2/2006)

 

"As competencias clave son aquelas que todas as persoas precisan para a súa realización e desenvolvemento persoal, así como para a cidadanía activa, a inclusión social e o emprego".

 

Aínda que se manteñen, con certos cambios, as áreas propias da educación primaria, o sistema educativo vai potenciando a aprendizaxe por competencias nun intento de vertebrálas coas áreas tradicionais. Este enfoque evidénciase sobre todo nas actividades e nas tarefas de aula, pois a partires de agora deberán sempre afianzar o proceso de adquisición de dúas o máis competencias ao mesmo tempo.

 

O enfoque integrador é o estímulo que debe axudar á renovación metodolóxica, aínda que todos sabemos que as renovacións non se fan dun día para o outro e moito menos se non contamos con que as ten que implementar, o profesorado desta etapa.

 

De saber a saber facer e saber ser

 

A transformación que se procura é que o alumnado sexa capaz de resolver situacións relacionadas co seu entorno e os seus intereses e necesidades facendo uso de diferentes destrezas que lonxe de considerarse compartimentadas en áreas funcionan máis como un conxunto interrelacionado de saberes e capacidades.

 

  1. Comunicación lingüística (CCL)

  2. Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCT)

  3. Competencia dixital (CD)

  4. Aprender a aprender (CAA)

  5. Competencias sociais e cívicas (CSC)

  6. Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE)

  7. Conciencia e expresións culturais (CCEC)

___________________________________________________

Un dos principios básicos que se fortalece agora é

o de que a aprendizaxe é permanente, dura toda a vida.

___________________________________________________

 

Orde sobre as competencias clave e a súa relación cos contidos e os criterios de avaliación. BOE 25/01/2015

Descarga os currículos oficiais para primaria na comunidade autónoma galega

Obxectivos

da educación primaria

a) Coñecer e apreciar os valores e as normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con elas, prepararse para o exercicio activo da cidadanía e respectar os dereitos humanos, así como o pluralismo propio dunha sociedade democrática.

b) Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e de responsabilidade no estudo, así como actitudes de confianza en si mesmo/a, sentido crítico, iniciativa persoal, curiosidade, interese e creatividade na aprendizaxe, e espírito emprendedor.

 

c) Adquirir habilidades para a prevención e para a resolución pacífica de conflitos que lles permitan desenvolverse con autonomía no ámbito familiar e doméstico, así como nos grupos sociais cos que se relacionan.

 

d) Coñecer, comprender e respectar as diferentes culturas e as diferenzas entre as persoas, a igualdade de dereitos e oportunidades de homes e mulleres e a non discriminación de persoas con discapacidade nin por outros motivos.

e) Coñecer e utilizar de xeito apropiado a lingua galega e a lingua castelá, e desenvolver

hábitos de lectura en ambas as linguas.

 

f) Adquirir en, polo menos, unha lingua estranxeira a competencia comunicativa básica que lles permita expresar e comprender mensaxes sinxelas e desenvolverse en situacións cotiás.

 

g) Desenvolver as competencias matemáticas básicas e iniciarse na resolución de problemas

que requiran a realización de operacións elementais de cálculo, coñecementos

xeométricos e estimacións, así como ser quen de aplicalos ás situacións da súa vida cotiá.

h) Coñecer os aspectos fundamentais das ciencias da natureza, as ciencias sociais, a xeografía, a historia e a cultura, con especial atención aos relacionados e vinculados con Galicia.

i) Iniciarse na utilización, para a aprendizaxe, das tecnoloxías da información e da comunicación, desenvolvendo un espírito crítico ante as mensaxes que reciben e elaboran.

j) Utilizar diferentes representacións e expresións artísticas e iniciarse na construción de propostas visuais e audiovisuais.

 

k) Valorar a hixiene e a saúde, aceptar o propio corpo e o das demais persoas, respectar

as diferenzas e utilizar a educación física e o deporte como medios para favorecer o

desenvolvemento persoal e social.

 

l) Coñecer e valorar os animais máis próximos ao ser humano e adoptar modos de comportamento que favorezan o seu coidado.

m) Desenvolver as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade e nas súas relacións coas demais persoas, así como unha actitude contraria á violencia, aos prexuízos de calquera tipo e aos estereotipos sexistas e de discriminación por cuestións de diversidade afectivo-sexual.

n) Fomentar a educación viaria e actitudes de respecto que incidan na prevención dos

accidentes de tráfico.

 

o) Coñecer, apreciar e valorar as singularidades culturais, lingüísticas, físicas e sociais de Galicia, poñendo de relevancia as mulleres e homes que realizaron achegas importantes á cultura e á sociedade galegas.

bottom of page