top of page

Avaliación

 

A avaliación é unha parte fundamental do proceso de ensino-aprendizaxe. É moi importante que todos os que dun ou doutro xeito participamos no proceso coñezamos o que se vai avaliar, de que maneira e en que proporción. Queremos salientar o carácter formativo da etapa e por tanto a avaliación ten que ter unha finalidade orientativa.

 

O que NON debe ser a avaliación

  • Un procedemento pensado para poñer obstáculos á aprendizaxe

  • Un proceso desconectado da propia aprendizaxe

  • Unha forma de premiar ou castigar o alumnado

 

O que SI debe ser a avaliación

 

  • Un elemento enriquecedor do currículo que colabore en todo o proceso

  • Un procedemento sistemático de recollida de información e análise da mesma

  • Unha tarefa orientada á mellora de todo o proceso de ensino-aprendizaxe

 

 

Non hai que confundir avaliación con cualificación. A avaliación é un procedemento complexo que forma parte permanente e continua de todo o proceso de ensino-aprendizaxe. Avaliar é valorar desde o coñecemento das características do alumno, o seu punto de partida, as súas necesidades, o seu ritmo de aprendizaxe, etc. Cualificar, sen embargo, é medir ou simplemente atribuír unha nota numérica ou verbal a un traballo e finalmente etiquetar a un alumno ou alumna. Cualificar pódeo facer calquera á vista dun test. Para avaliar é necesario un mestre que forme parte do proceso, que observe e participe. Por iso, ao noso xeito de entender, é contraditorio falar de "avaliacións externas". As avaliacións só poden ser internas. As externas poderán ser cualificacións, pero nunca verdadeiras avaliacións. Poderán relacionarse cunha media estandarizada do que se supón que hai que lograr a determinada idade, pero non proporcionará información valiosa sobre o progreso dun alumno e sobre o factor diferenciador que aporta a escola.

 

Algunhas cuestións prácticas

 

O mestre non informa publicamente das cualificacións das probas obxectivas nin dos boletíns trimestrais. Xa que estamos obrigados por lei a cubrilos, polo menos queremos restarlle á escola o exceso de competitividade. As notas, que finalmente se convirten en castigos e premios e case sempre en excusa para facer pobres comparacións entre alumnos diferentes, teñen grandes consecuencias negativas no grupo. Canto máis pendentes estemos do como menos tempo temos para centrarnos no que.

Adoitamos enviar a través da rede Edmodo copias en PDF das probas de avaliación efectuadas ao alumnado.

Cara á autoavaliación

 

O propósito é lograr que o alumno ou a alumna sexa cada vez máis partícipe do proceso de aprendizaxe no que está envolto e sexa quen, coa información axeitada proporcionada polo mestre, de realizar a súa propia autoavaliación, o que lle permitirá axustar os seus esforzos por medio da metacognición.

 

En resumidas contas, aspiramos a que os rapaces poidan valorar por si mesmos os avances que van experimentando, que cada vez sexan máis independentes dos xuízos dos profesores e que saiban manexar a información (feed-back) extraída das experiencias e dos resultados que obteñen. Na idade adulta a cotío non precisamos que nos digan se o estamos facendo ben ou mal, polos nosos  medios podemos avaliar o propio traballo. Ese é o obxectivo final ao que temos que dirixirnos desde o ensino primario, é dicir, proporcionar as ferramentas para a autoavaliación que finalmente é a verdadeira avaliación de utilidade.

A avaliación continua

As persoas facemos continuas avaliacións das nosas actividades aínda que normalmente nin somos conscientes delo, nin desde logo tomamos nota por escrito.

Na cociña, cando rematamos de preparar unha tortilla de pataca, deseguida facemos a nosa valoración do resultado. Desa avaliación obtemos información relevante tanto sobre o procedemento como sobre o resultado final. Quedou ben pasada?  Dinlle o tempo suficiente? Faltoulle sal? As patacas estaban ben fritidas?

Esta información hanos de axudar moito para facelo mellor na próxima ocasión na que decidamos coller a tixola. Trátase isto dunha autoavaliación formativa, é dicir, orientada a mellorar a nosa competencia como cociñeiros.

A pesares do evidente, a avaliación tradicional da escola veu sendo sempre unicamente sumativa, é dicir, non tan pensada para informar e axudar a mellorar senón para xulgar e sancionar ao final do proceso.

A escola necesita unha transformación profunda para que a avaliación predominante sexa a primeira, a que nos permita avanzar nas aprendizaxes e non a que deriva en poñer unha nota numérica ao finalizar cada trimestre e cada curso escolar.

Debemos promover a autonomía dos nosos nenos e nenas, e unha parte esencial desa autonomía consiste en axudalos a que sexan eles os que avalíen o seu propio traballo. Esa vai ser unha destreza que lles será de proveito ao longo de toda a vida.

A promoción

 

A avaliación ao final de curso e a final de etapa oriéntase cara a unha importante decisión que é a da promoción ao seguinte nivel. Nesta decisión xogan un papel fundamental non só as cualificacións obtidas nas diferentes materias ao longo do curso e da etapa senón tamén o grao de madurez adquirido, o factor de integración socioeducativa e o dominio das competencias clave que poidan permitir o avance do alumno dentro do sistema educativo se os coñecementos non adquiridos non son obstáculo para elo.

Tamén resultan de importancia os mínimos esixibles que figuren nas correspondentes programacións e os plans de reforzo e apoio para o alumnado que o precise coa finalidade de garantir o aproveitamento das ensinanzas vindeiras.

 

bottom of page